Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta asina un convenio de máis de 115.000 euros para a promoción turística do xeodestino da Costa da Morte


A entidade sen ánimo de lucro Costa da Morte, Asociación de Turismo (CMAT) será a encargada de implementar o investimento no territorio que permitirá, entre outras accións, deseñar un Plan Estratéxico específico para este xeodestino
A xefa da área provincial de Turismo, María Camino Triguero, asinou hoxe un convenio de colaboración coa entidade sen ánimo de lucro Costa da Morte, Asociación de Turismo (CMAT) que permitirá seguir mellorando o potencial turístico deste xeodestino a través da especialización e a mellora da súa oferta, da incorporación de novas tecnoloxías, así como da promoción.

O acordo supón un investimento para os dous próximos anos de 150.000 euros, dos que a Axencia de Turismo de Galicia aporta 115.600, para así dar estabilidade aos proxectos previstos nos concellos do xeodestino da Costa da Morte: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, A Laracha, Laxe, Malpica, Ponteceso e Zas.

María Camino felicitou por esta iniciativa aos integrantes da Asociación CMAT, que integra aos diferentes axentes locais, públicos e privados e que naceu coa finalidade de desenvolver e promocionar a nivel turístico a Costa da Morte, mellorar a calidade e a innovación en servizos, consolidar e ampliar a oferta para os segmentos de público con maior potencial de crecemento e contribuír ao desenvolvemento económico e social deste destino.

Tamén salientou que “a Xunta de Galicia afonda o seu compromiso coa Costa da Morte, un destino que dende o punto de vista turístico é un referente tanto en Galicia e fóra dela, con concellos que presentan unha alta proxección baseada no patrimonio marítimo, a paisaxe e a gastronomía”.

Este investimento autonómico, permitirá en 2018 e 2019 deseñar un Plan Estratéxico para a Costa da Morte, por en marcha actividades relacionadas coa comunicación, promoción e dinamización do destino, así como actualizar e mellorar experiencias de gastronomía, patrimonio e turismo activo.

Asemade procurarase que as accións desenvolvidas a través deste convenio, contribúan á sensibilización tanto dos visitantes como dos propios veciños da zona sobre a importancia de preservar e poñer en valor os recursos naturais, culturais e enogastronómicos que teñen unha clara proxección turística co correspondente beneficio económico para a zona.

A nivel galego, este convenio permite seguir diversificando os beneficios socioeconómicos e culturais do turismo por máis concellos, un dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, impulsada pola Xunta e o sector. Amais, busca que os galegos coñezan cada día máis o seu patrimonio e sexan conscientes da necesaria preservación cun correcto enfoque turístico.